- A Consellería de Sanidade está a ensaiar no ambulatorio Concepción Arenal, de Santiago, o modelo de traslado forzoso de profesionais que se dispón a implantar coa entrada en vigor na futura Lei de Saúde de Galicia, actualmente en trámite parlamentario despois de ser aprobada polo Consello da Xunta.
- O artigo 115.9 do proxecto de lei de saúde de Galicia faculta á Administración sanitaria para “trasladar, temporal ou definitivamente, ao seu persoal”, como está a suceder en Santiago, adiantándose á entrada en vigor da norma.
- Esta medida vai resultar especialmente lesiva para os pacientes, aos que aboca a un dilema; ou cambiar de médico e de persoal de enfermería, ou a cambiar de centro de saúde, cando desexen seguir sendo atendidos polo mesmo facultativo.
- Neste caso, como vai suceder en Santiago con 5.500 pacientes, aparecen dificultades adicionais, pola ausencia dun sistema de transporte público que facilite os desprazamentos ata a nova ubicación das consultas, un trastorno que cobra especial relevancia para persoas sen vehículo propio ou de idade avanzada con dificultades de mobilidade.
- Con estes traslados, a Xunta está a conculcar os dereitos dos traballadores, vulnerando os dereitos recollidos no Estatuto Básico do Empregado Público e na Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (Losga), aínda en vigor, que determina que calquera traslado deba ser aprobado previamente na Mesa Sectorial, trámite ignorado neste caso.
- Nos últimos meses se suceden os intentos da Consellería de Sanidade por suprimir servizos, como aconteceu coa proposta ultimada polo Sergas para eliminar 60 dos 94 Puntos de Atención Continuada (PAC) que operan en Galicia, e que só foi desmentido despois da denuncia pública formulada polo PPdeG.
- Outro tanto sucedeu en Vigo, onde Sanidade chegou a anunciar á comisión de centros da súa intención de suprimir o servizo de urxencias que funciona na rúa Bolivia os sábados pola mañá para centralizar esta asistencia no PAC de Coia. Tivo que ser a denuncia do PPdeG a que provocou un novo desmentido da Xunta coa correspondente decisión de dar marcha atrás e suspender a supresión dese servizo de urxencias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario