- O PPdeG reclama a designación, por consenso, no Parlamento de Galicia, dun director xeral da CRTVG que garanta a pluralidade dos medios públicos de titularidade autonómica.
- A abstención do PPdeG na votación para a renovación de dous membros do BNG no Consello da Administración da CRTVG pretende chamar a atención e poñer fin ao elevado grao de manipulación que se rexistra na TVG desde hai tres anos, como denuncia desde entón a metade do Goberno galego dependente do BNG.
- O PPdeG non cuestiona o reparto de postos no Consello de Administración da CRTVG, nin quere apropiarse da representación que lle corresponde aos restantes partidos, pero si propugna a renovación dos seus membros, incluído o director xeral designado pola ala socialista do Goberno para servir aos intereses partidistas, en lugar de velar pola imparcialidade que debería caracterizar ao ente público.
- O PPdeG está disposto ao entendemento neste asunto e, de existir vontade por parte dos grupos que sustentan ao Executivo, a situación podería resolverse “nunha tarde”, sen necesidade de reforma legal algunha.
- Recordar, como exemplo, que o actual director xeral de RTVE, foi nomeado por consenso no Congreso dos Deputados na pasada lexislatura e apuntar que, hai escasos meses, o BNG rexistrou na Cámara galega unha proposta de impulso na que tamén propugnaba unha designación do parlamento para o responsable executivo da CRTVG.
- O PPdeG avanza que no suposto de non sacar adiante unha proposta de consenso para nomear un novo director xeral da CRTVG será como consecuencia da falta de acordo entre os socios do Goberno bipartito, dado que o PPdeG mantén a mellor disposición para atopar unha saída satisfactoria a esta situación.
- Na actualidade, a TVG está a actuar como un “inmenso incensario para maior gloria de Touriño e da ala socialista da Xunta”. Opinión que comparten abertamente os responsables do BNG, como se evidenciou cando o Vicepresidente da Igualdade prohibiu que os equipos da televisión pública desen cobertura ás súas actividades ou no episodio da gravación das conversas telefónicas entre un ex-alto cargo nacionalista e un responsable político da TVG.
- Hai que recordar que socialistas e nacionalistas se comprometeran, ao inicio da actual lexislatura, no seu acordo de Goberno, a garantir a autonomía da TVG, cun director xeral nomeado por maioría cualificada do Parlamento, e garantindo o acceso dos distintos sectores e organizacións sociais aos medios públicos.
- Unha vez acreditado o incumprimento deste compromiso, o PPdeG propón un acordo das tres forzas políticas para designar un director xeral da CRTVG independente e capaz de garantir o principio de imparcialidade, sen necesidade de agardar á aprobación dunha nova lei, como pretende Touriño para gañar tempo e seguir manipulando ata o remate da actual lexislatura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario