TRADÚCEME

02 febrero 2008

OS TRABALLADORES DE SALVAMENTO MARÍTIMO SOMETIDOS A UN HORARIO EXCESIVO

- A Consellería de Pesca está a permitir que os traballadores dos helicópteros do Servizo de Salvamento Marítimo da Xunta se vexan sometidos a excesos continuados no seu horario laboral.

- Estes excesos horarios, -en setembro pasado, cada tripulante acumulaba 3.600 horas de traballo, mentres que o coordinador do SAR só tiña contabilizadas 1.100 oficialmente- afectan fundamentalmente aos rescatadores dos helicópteros, e débense a que son os propios traballadores os que suplen as baixas que causan os seus compañeiros por causas heteroxéneas como enfermidades, asuntos propios ou permisos de paternidade.

- Na base de Celeiro, por exemplo, estase a traballar cun piloto menos na súa tripulación; e desde hai ano e medio teñen tamén un rescatador menos do que deberían.

- A Xunta tamén consinte que a empresa concesionaria do servizo de helicópteros de Gardacostas de Galicia (tamén responsable dos helicópteros de rescate do Servicio Estatal de Salvamento Marítimo) desprace a membros das tripulacións dos helicópteros Pesca I e Pesca II a outras bases do Estado.

- Así, desde o pasado mes de outubro, as tripulacións dos helicópteros de rescate da Xunta con base en Vigo e Celeiro víronse minguadas nos seus efectivos durante máis de 40 días por desprazamentos dos pilotos a outras bases de Sasemar coma Almería, A Coruña, Xixón, ou Vigo.

- Para o PPdeG esta situación constitúe unha vulneración flagrante da lexislación de riscos laborais e implica unha fraude respecto ao contrato asinado entre a Xunta e a empresa concesionaria do servizo.

- Pilotos e rescatadores estanse vendo tamén privados da programación que determine con antelación os horarios e quendas de traballo.

- O PPdeG tamén desvela que existen outras vulneracións do prego de prescricións técnicas que rexen o contrato de operacións técnicas de voo, mantemento e administración dos helicópteros do servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca.

- Entre as irregularidades máis significativas figuran a inexistencia de formación para as tripulacións. O pasado mes de outubro, inspectores do Ministerio de Traballo levantaron unha acta de infracción á empresa adxudicataria por non facilitar formación aos operadores de grúa-rescatadores no manexo deste equipamento de traballo na súa base de Celeiro e a tripulación do Pesca II non pode facer uso das cámaras de visión nocturna que posúen estes helicópteros ao carecer da formación pertinente para elo.

- Outras das irregularidades que se están a cometer fan referencia a carencias de material de traballo (traxes para augas frías, cascos, botas e luvas de voo) para as tripulacións.

- Estas deficiencias e incumprimentos consentidos desde a Xunta, a través da súa Consellería de Pesca, poñen en perigo a eficacia do traballo desenvolvido polos profesionais dos helicópteros do servizo de Gardacostas de Galicia, co conseguinte risco en vidas humanas, tanto para os rescatadores coma para os posibles rescatados.

- O PPdeG lembra que solicitou unha comparecencia da conselleira de Pesca para que explique as razóns que a levan a consentir esta situación fraudulenta que atenta contra a seguridade e o correcto funcionamento dun servizo que ata o de agora, presenta unha traxectoria intachable, e ten contribuído a salvar numerosas vidas humanas, como estamos a ver nestes últimos días nos distintos sinistros sufridos nas nosas costas.

No hay comentarios: