TRADÚCEME

02 febrero 2008

A MINISTRA DE AGRICULTURA: A XESTIÓN MÁIS NEFASTA DA DEMOCRACIA PARA A AGRICULTURA, A GANDERÍA E A PESCA DE GALICIA

- O PPdeG estima que se non tivese rematado xa a lexislatura, sería necesario reprobar á ministra de Agricultura.

- Para o PPdeG, a profunda crise que atravesa actualmente o campo galego garda unha relación directa coa xestión “nefasta” desenvolvida pola ministra de Agricultura, case sempre coa compracencia da Consellería de Medio Rural do Goberno bipartito.

- Se ben o prezo do leite en orixe experimentou unha suba considerable durante o ano pasado, este incremento non compensa os custes de producción.

- Como exemplo da situación insostible na que está inmerso o sector, lembrar que o prezo dos pensos aumentou un 40% nos últimos meses, mentres que os fertilizantes o farán, no conxunto do ano, arredor dun 45%.

- Se a estas alzas se lles une o crecemento do prezo do gasóleo, que acada máximos históricos, enténdense o elevado abandono da actividade que está a rexistrar o campo galego, cun 40% máis de solicitudes en 2007 ca en 2006.

- Datos recentes sitúan os abandonos en 25.000 toneladas na Coruña (cunha media de 58.000 quilos por explotación); 22.000 toneladas en Lugo (70.000 quilos/explotación); e máis de 6.000 toneladas en Pontevedra.

- Neste contexto, a perda patrimonial ocasionada aos gandeiros que abandonaron a cota en 2006 e 2007 situouse no entorno dos 200 millóns de euros, xa que o Estado tan só pagou por cada quilo de cota arredor de 19 céntimos de euro, cando moitos deles a marcaran a maior prezo.

- Para o PPdeG, resulta lamentable constatar que, despois de 4 anos nese cargo, o mellor que pode prometer a ministra de Agricultura é facer xusto o contrario do que veu facendo durante toda a lexislatura. Só así se explica que o pasado sábado anunciara cota gratis para os gandeiros galegos despois de todo un mandato no que se sucederon as dificultades para incrementar a capacidade de producción de leite das granxas galegas.

- Tamén hai que chamar a atención sobre as dificultades dos gandeiros que se dedican á producción de carne: mentres os prezos en orixe baixaron entre un 15 e un 30%, os pensos medran arredor dun 40%. Se a base da alimentación animal fosen determinados tipos de cereais, a situación sería aínda máis extrema, xa que os prezos de cebada, trigo e millo aumentaron un 90, 78 e 64%, respectivamente, no último ano.

- Ante esta situación, o PPdeG reclama unha estratexia conxunta da Xunta e do Goberno central para preparar o sector vacún de leite ao novo marco que se aveciña, coa desaparición das cotas de producción en 2015.

- O Goberno central deixou pasar estes catro anos sen xestionar un incremento da cota, co que ir preparando o sector para a liberalización que se aveciña, e de paso, beneficiarse da suba de prezos de 2007.

- De feito, España ten unha cota anual de 6.100.000 toneladas, pero o consumo real é de arredor de 10 millóns anuais. Sen embargo, o Goberno só conseguiu un incremento de cota de 125.000 toneladas.

- Pola contra, países excedentarios en producción, como Francia, disporá de 485.000 toneladas adicionais. Iso significa, que a longo prazo, os prezos do leite volverán baixar, prexudicando de novo aos gandeiros galegos por dispoñer de menor capacidade de producción.

- Fonte á situación actual, o PPdeG recorda que nas dúas lexislaturas do PP no Goberno central, Galicia viu aumentada a súa cota cunha asignación adicional de 163.000 toneladas de leite, superior á conseguida agora para todo o Estado, malia que o consumo de lácteos medra exponencialmente en todo o mundo.

- O PPdeG tamén propón adiantar a implantación do denominado gasóleo profesional agrícola para minimizar o impacto da crise, previsto para 2009.

- A implantación do gasóleo profesional agrícola permitiría baixar o IVE aplicable a este combustible do 16% actual a un 7%, coa conseguinte reducción no prezo final que deben aboar agricultores e gandeiros.

- O PPdeG denuncia que ministra de Agricultura e candidata do PSOE por Ourense é consciente do fracaso da súa xestión e por iso non se atreve a dar a cara ante o sector.

-De feito, a Xunta e o PSOE galego organizaron o pasado sábado, en Ordes, un suposto encontro da ministra co sector, pero en realidade, foi un acto de campaña, convocado por unha organización próxima ao PSOE, e suxeito ao protocolo institucional para evitar que xurdiran voces discrepantes.

- Neste escenario, o PPdeG atribúe á serenidade do sector que aínda non teñan saído os tractores ás estradas, a pesar das crecentes dificultades económicas e do abandono do que os gandeiros foron obxecto por parte da Xunta e do Goberno central .

No hay comentarios: