O PPdeG volveu instar hoxe ao presidente da Xunta a que cambie a “política de xestos pola política de feitos” e “mova ficha” antes de que a economía toque fondo como consecuencia da crise na que está inmersa e que afecta especialmente ás familias galegas, que para chegar a fin de mes deben gastar unha media de 300 euros máis ca hai un ano, como consecuencia da subida dos prezos dos produtos básicos, da enerxía e das hipotecas. Touriño debe baixar da nube na que vive en Monte Pío, alleo aos problemas da maioría dos cidadáns, e que se axuste á realidade e tome conciencia da situación.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas reclamou hoxe, na reunión da Deputación Permanente, a convocatoria dun pleno extraordinario da Cámara para que a Xunta explique con urxencia qué medidas ten previsto adoptar para minimizar o impacto da situación sobre as familias e sobre as empresas, tratando de evitar regulacións de emprego que empeorarían a situación.
DESCENSO DO INVESTIMENTO PÚBLICO
Ruiz Rivas referiuse ao anuncio, efectuado onte polo presidente da Xunta, de promover a licitación de obra pública para “suavizar” os afectos da ralentización económica, e botoulle en cara a tardanza da medida, que refrenda as teses defendidas polo PPdeG no debate de Orzamentos da Xunta para 2008, que reclamaban potenciar o investimento, reducir o gasto corrente e poñer en marcha medidas fiscais de apoio ás familias e ás empresas.
Neste escenario, Ruiz Rivas subliñou que nas contas da Xunta para 2008 o investimento só medra un 3,3%, cifra que, na práctica supón unha redución respecto ao ano anterior, posto que a inflación quedou situada no 4,1%. En termos reais, e de acordo con esta previsión, o investimento reducirase case 1 punto.
DATOS PARA A REFLEXIÓN
Que o ano 2007 rematase cunha suba dos prezos do 4,1% en Galicia; que a confianza do consumidor teña descendido máis de 20 puntos desde xullo de 2007; que o paro aumente sistematicamente desde xullo, con 14.984 desempregados máis en medio ano; ou que a afiliación á Seguridade Social camiñe por sendas de desaceleración (do 4,7% de crecemento en xuño ao 2,9% de decembro) son datos que deberían facer reflexionar ao Goberno galego.
O portavoz popular recordou que os expertos coinciden ao sinalar que as bolsas de valores adoitan predicir, con medio ano de adianto, os cambios da conxuntura económica. Nesta liñas, as caídas xeneralizadas do mercado de valores desde comezos do ano debe ser considerada, en opinión do portavoz popular, como unha advertencia moi seria de que se aveciñan tempos de “vacas fracas” ante os que é imprescindible estar preparados.
PREVISIÓN DE INGRESOS ERRÓNEA
O orador popular preguntou en qué medida vai afectar a crise económica á previsión de ingresos da Xunta en 2008 e, polo tanto, ao investimento público autonómico. De feito, as contas públicas da Xunta para este ano son cuestionables pola previsión de ingresos que efectúan: estiman que o incremento de recadación do IRPF será do 16,8%, cando o certo é que nos dous últimos exercicios foi moi inferior (10% en 2006 e 11,4% en 2007). Do mesmo xeito, a Xunta prevé aumentar nun 6% a recadación do IVE, cando na no terceiro trimestre de 2007 se comezou a ralentizar o consumo e, polo tanto, se reduciu a recadación por ese tributo.
Contraditorios resultan, ao tempo, os anuncios de minorar os impostos de sucesións e doazóns, cando o Orzamento de 2008 prevé incrementar a recadación por estes tributos nun 14,6%. Tampouco se entende que un anuncio de redución do imposto de Patrimonio vaia acompañado dun incremento dos ingresos dun 21,9% por este concepto.
IMPACTO MINORABLE
O portavoz parlamentario dos populares galegos cuestionou o comportamento seguido ata o de agora polos Goberno central –que na lexislatura que agora remata deixou de investir en Galicia arredor de 2.000 millóns de euros- e pola Xunta, que a unha escasa execución presupostaria, sumou unha actitude caracterizada por “renegar do cemento”, coa consecuente diminución da obra pública nos dous anos e medio transcorridos desde o cambio de Goberno.
De non ter mediado estes atrancos, Galicia tería, a día de hoxe, un elevado volume de orbra pública en execución, que contribuiría a reducir o impacto da crise e serviría para absorber empregos que se destrúen ou se van destruír en sectores como o da construción de vivendas, afectado xa polo parón rexistrado no inicio de obra nova e as restricións crediticias.
Lamentou o orador que, ata o de agora, a Xunta dedicouse a dilapidar a herdanza económica do Goberno anterior, seguindo un rumbo equivocado, como incrementar o gasto corrente (situado nun 9% en 2008, triplicando o crecemento dos investimentos) e aparcando prioridades como o I+D+I ou a educación
“Desde o PPdeG non queremos caer no victimismo, pero tampouco imos participar no triunfalismo excesivo de vostedes”, advertiu Ruiz Rivas antes de poñer en evidencia a “ausencia de rumbo na dirección deste Goberno en materia económica, algo que Galicia non pode permitirse se quere afrontar os retos de futuro con acerto”.
DESENCONTROS HABITUAIS
Na sesión de hoxe da Deputación Permanente da Cámara, o Grupo Popular solicitou tamén unha comparecencia urxente do presidente da Xunta en sede parlamentaria para explicar o que Manuel Ruiz considerou unha “evidente crise de gobernabilidade do Executivo bipartito, no que os enfrontamentos e os desencontros se converteron en tónica habitual”.
Para o portavoz popular, o máis preocupante do clima de tensión que caracteriza a relación entre socialistas e nacionalistas é que este “estase trasladando ás relacións institucionais entre a Xunta e o Goberno central afectando aos intereses da comunidade”.
Nun relato cronolóxico dos feitos que levaron ao PPdeG a reclamar a comparecencia parlamentaria de Touriño, Ruiz Rivas recordou que a última escalada de tensión entre PSOE e BNG iniciouse coa participación da conselleira de Cultura nun acto de reivindicación soberanista celebrado no estadio de San Mamés, continuou cando Ánxela Bugallo desairou a Touriño e se negou a acudir a un acto do ministro de Cultura; e cando unha deputada socialista criticou á conselleira de Vivenda, feito que foi contraprogramado polo BNG cunha ameaza de mobilización contra a política da Consellería e do Ministerio de Pesca do PSOE.
Os enfrontamentos proseguiron cando o presidente da Xunta deu a campanada de saída da campaña electoral do PSOE cun anuncio de modificación de lei de sucesións, ante o que Quintana se queixou de non ter sido informado con antelación suficiente e reclamou a reforma da proposta. Un día máis tarde, o BNG formulou unha moción de censura contra a política informativa do PSOE e contra a manipulación da TVG a través dunha proposición de lei de reforma da norma de creación da CRTVG.
SITUACIÓN IRREAL
“Chegamos a unha situación que semella irreal, na que tanto PSOE como BNG recoñecen os desencontros como inevitables e nin sequera tratan de disimulalos cando estamos en vésperas dunha cita electoral”, agregou o portavoz popular.
No hay comentarios:
Publicar un comentario