• “¿Por qué a Consellería de Industria no momento da tramitación desta normativa non xerou opinión en Galicia para conseguir o rexeitamento da medida?”, pregunta o deputado popular.
• O PPdeG recorda que usar a vitrocerámica, poñer a lavadora, pasar a aspiradora ou pasar o ferro entre as 11,00 e as 21,00 horas será un 35% máis caro a partir do 1 de xullo, ao que haberá que sumar gastos de entre 500 e 600 euros para adaptar as instalacións domésticas
O portavoz de Industria do Grupo Popular, Ángel Bernardo Tahoces, considera que a actitude amosada pola Consellería que dirixe Fernando Blanco revela que a Xunta claudicou no exercicio das súas responsabilidades e está a deixar abandonadas á súa sorte ás 160.000 familias galegas que teñen contratada tarifa eléctrica nocturna e que, a partir do vindeiro 1 de xullo, deberán facer fronte a un crecemento do gasto de arredor dun 50%, sumando o consumo eléctrico e mailas facturas derivadas das reformas necesarias nas instalacións domésticas.
Que o conselleiro de Industria anuncie agora que se vai dirixir ao ministro do ramo para pedir a retirada do novo marco tarifario hai que interpretalo como unha reacción tardía da Xunta, pero igual de inservible, despois das denuncias efectuadas polo PPdeG pola situación de indefensión na que se atopan as familias afectadas.
Fronte a esta manobra da Xunta para tratar de recuperar o protagonismo, o PPdeG pregunta á Consellería de Industria qué fixo mentres a Comisión Nacional da Enerxía tramitou o Real Decreto no que se fixan as novas tarifas eléctricas, tendo en conta que a Administración autonómica conta con representación propia nese órgano. E, sobre todo, pregunta qué está a facer na actualidade na defensa efectiva dos intereses dos galego. “As cartas non resolven nada, as medidas de axuda e de asesoramento técnico poden resolver moito, pero esas medidas tiña que telas adoptado a Xunta de Galicia de inmediato, con independencia de que nunha fase posterior reclame ou solicite do Ministerio a correspondente compensación”, agrega Bernardo Tahoces.
A XUNTA VOLVE TROPEZAR NA CNE
Unha vez máis, a Xunta non puido ou non quixo defender os intereses das familias afectadas no seo da Comisión Nacional da Enerxía. “¿Por qué a Consellería de Industria no momento da tramitación desta normativa non xerou opinión en Galicia para conseguir o rexeitamento da medida?”, pregunta o deputado popular.
Cando agora a Xunta se dirixe ao Goberno central para pedirlle unha liña de axudas e unha campaña informativa, a Consellería de Industria renuncia implicitamente ás competencias que ten encomendadas a Comunidade Autónoma en materia de exerxía.
A xuízo de Ángel Bernardo Tahoces, “o conselleiro de Industria pretende confundir aos galegos e indirectamente desprestixiar as nosas institucións ante o Estado. A Consellería de Industria, directamente ou a través do Instituto Enerxético de Galicia, unha vez que non quixo ou non puido evitar a aprobación dunha normativa lesiva para os consumidores, non pode abandonar aos galegos afectados e, de inmediato, debe habilitar os instrumentos necesarios para neutralizar o impacto que estas medidas van supoñer para 160.000 economías domésticas galegas. E despois de dar unha resposta aos galegos, a Xunta pode negociar co Estado o que haxa que negociar, pero o Goberno de Galicia están para algo máis que pedir ao Estado”.
“A sociedade galega debe saber que, neste caso, o conselleiro de Industria, unha vez máis, pretende facer ver que fai, cando a realidade é que non se está a facer nada”, afirma o deputado popular.
INCREMENTO DO GASTO DUN 50%
O PPdeG recorda que empregar a vitrocerámica, poñer a lavadora, pasar a aspiradora ou pasar o ferro (só por citar algún dos electrodomésticos de maior potencia) entre as 11,00 e as 21,00 horas será un 35% máis caro a partir do 1 de xullo. A este incremento da factura haberá que sumar entre 500 e 600 euros de subrecuste derivado das reformas que os usuarios da tarifa nocturna deberán efectuar nas súas instalacións eléctricas domésticas, o custe dos novos limitadores, o novo contrato e o cambio das resistencias dos acumuladores.
Deste xeito, o incremento tarifario, unido aos desembolsos adicionais xa sinalados fará que o desembolso familiar final en electricidade supoña entre un 49 e un 50% máis ao remate de 2008.
No hay comentarios:
Publicar un comentario