TRADÚCEME

14 febrero 2014

Diego Gago será o único candidato á Presidencia de Novas Xeracións

  • O presidente provincial de NNXX de Pontevedra fixo entrega onte aos membros do Comité Organizador do Congreso das máis de 800 sinaturas que avalan a súa candidatura
  • Conseguiu o dobre dos avais que se esixía aos que decidisen aspirar á Presidencia da organización xuvenil
  • O pasado luns abriuse o prazo de inscricións para todos aqueles afiliados que queiran votar no cónclave que, por primeira vez na historia de NNXX en Galicia, terá carácter asembleario
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014.- Diego Gago Bugarín será o único candidato á Presidencia de Novas Xeracións no IX Congreso autonómico.
O actual presidente provincial da organización en Pontevedra fixo entrega das máis de 800 sinaturas que avalan a súa candidatura aos membros do Comité Organizador do Congreso, onte pola tarde na sede do PPdeG, o último día establecido para presentar as candidaturas. Gago conseguiu, polo tanto, o dobre de avais do mínimo que se esixía a todos os que decidisen aspirar á Presidencia de Novas Xeracións.
Mentres tanto, os membros do Comité Organizador seguen traballando na organización do cónclave, que terá lugar o 8 de marzo en Santiago de Compostela. Así, o pasado luns ás dez da mañá abriron o prazo de inscricións para todos aqueles afiliados da organización que queiran votar no Congreso que, por primeira vez na historia da organización en Galicia terá carácter asembleario. Os afiliados que queiran participar tanto no sufraxio para a elección do presidente como na votación do debate das ponencias terán ata o 4 de marzo para inscribirse.

PERFIL DO CANDIDATO Á PRESIDENCIA DE NOVAS XERACIÓNS
20140212_DiegoGago_02_opt
Diego Gago Bugarín naceu en Vigo en setembro de 1987. Licenciado en Dereito Económico pola Universidade de Vigo, actualmente está a facer un Máster en Tributación e Asesoría Fiscal pola Universidade a Distancia de Madrid (UDIMA).

Foi membro do Consello de Goberno da Universidade de Vigo entre os anos 2010 e 2012. Así mesmo, foi membro do Claustro da Universidade de Vigo entre os anos 2008 e 2012. Ademais, ocupou o cargo de presidente da Asociación de Estudantes UNEGA entre 2006 e 2007.

Actualmente ten en activo unha Comunidade de Bens para a organización de eventos e comezará a facer prácticas nunha Asesoría o vindeiro 1 de marzo.

Gago inicia a súa andadura na política en marzo de 2004, cando se afilia en Novas Xeracións. A partir dese momento, desempeñou cargos como o de secretario de ensinanzas e vicesecretario local en Vigo entre 2006 e 2009, e foi tamén vicesecretario de comunicación provincial entre 2007 e 2010.

Actualmente, é membro do Comité Executivo provincial e do Comité de Dirección local de Vigo, vogal da Xunta Directiva do PP e do PPdeG e presidente provincial de Novas Xeracións de Pontevedra desde 2010.

Así mesmo, Gago foi nas listas locais de Vigo para as eleccións municipais de 2011 e de suplente para as de 2007 e foi suplente nas últimas listas das autonómicas de 2012.

No hay comentarios: