TRADÚCEME

03 enero 2013

O PPdeG destaca o compromiso e esperanza que se desprende do discurso de Feijóo

  • Valorou como “acaído” que o presidente “fíxera aos galegos partícipes dunha tarefa, a saída da crise, da que non estamos excluídos ningún galego”
  • “Non podemos esquecer a grandeza de tantos galegos que como Rosalía de Castro non só marcaron o devenir dos seus tempos, senón das xeracións que viñeron despois deles”


A vicesecretaria do PPdeG, Marta Rodríguez Arias, destacou o “compromiso, o alento e a esperanza” que se desprenderon do discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Para a dirixente popular, o presidente “soubo amosarlle aos galegos que coñece e entende a súa situación e que está loitando para que esta sexa mellor”. Do mesmo xeito valorou como “acaído” que “fíxera aos seus concidadáns partícipes dunha tarefa, a saída da crise, da que non estamos excluídos ningún galego”.

Rodríguez Arias indicou que “é certo que xuntos seremos capaces de avanzar; no Partido Popular de Galicia estamos convencidos de que podemos facelo. Non debemos entender a crise como unha condena eterna e irrevocable. O cambio é posible e isto é algo que podemos entender sen dúbida nestas datas nas que na mesma mesa sentámonos galegos de diferentes xeracións que vivimos moitas Galicias distintas”.

Segundo apuntou a vicesecretaria popular, a referencia do presidente ao desemprego entendido por unha banda como unha “traxedia individual” pero á vez como “un problema colectivo que afecta a todos, teñan ou non teñan traballo” é “un acerto, posto que alinéase perfectamente co sentir da rúa”. Así, indicou que “a loita contra o desemprego temos que librala xuntos cidadáns, políticos e institucións, porque só cando traballamos unidos somos quen de ofrecer o mellor de nós mesmos”.

Resaltou tamén o compromiso do presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia tanto coa situación económica como co drama do desemprego, e coincidiu con Feijóo en recalcar que “canta máis colaboración academos das forzas políticas da oposición e, especialmente do PSdeG, máis lonxe poderemos chegar en menos tempo”.

Para Rodríguez Arias, a “vontade de consenso” do máximo mandatario galego queda reflectida na invitación a facer de Galicia “un paradigma de unidade política, do mesmo xeito que o é a día de hoxe en materia de eficiencia, disciplina orzamentaria e planificación”. 

Do mesmo xeito celebrou que a galeguidade sexa entendida como “tender a man ao que temos ao noso lado” e como algo “non excluínte, xa que é máis que axeitado entender Galicia como indica o presidente: global, que faga posible que esteamos no mundo e que o mundo estea en nós”.

Por último, a popular indicou que en 2013 “non podemos esquecer a grandeza de tantos galegos que, como Rosalía de Castro, non só marcaron o devenir dos seus tempos, senón das xeracións que viñeron despois deles. Neles debemos buscar a inspiración para seguir avanzando, ser cada día mellores e así lograr atopar a resposta aos nosos problemas”.

No hay comentarios: