TRADÚCEME

23 octubre 2008

O PPdeG TRASLADARÁ AO PARLAMENTO OS PROBLEMAS LABORAIS E DEFICIENCIAS DO 112

· O Grupo Popular apoia as reclamacións duns traballadores que están acollidos ao convenio de telemárketing malia que desenvolven tarefas de enorme responsabilidade, deben estar localizables e efectúan quendas de noite e festivos

O Grupo Parlamentario Popular trasladará á Cámara as deficiencias de funcionamento e a situación laboral dos traballadores de Emerxencias 112 Galicia, que temen perder os seus traballos na próxima primavera se a Xunta non establece a subrogación dos seus contratos no concurso que convocará en maio para a prestación dese servizo de emerxencias. O anuncio foi efectuado esta mañá polo portavoz parlamentario do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, no transcurso dunha reunión cos representantes dos 78 traballadores que ven perigar a continuidade dos seus postos de traballo.

Na reunión, na que tamén participou o voceiro de Función Pública do Grupo Popular, Antonio Rodríguez Miranda, o PPdeG expresou a súa solidariedade aos traballadores do 112 e trasladou o seu apoio á proposta de condicionar o próximo concurso para a prestación do servizo á subrogación dos contratos actuais.

O Grupo Popular tamén olla con simpatía a proposta de que se recoñeza a estes traballadores a responsabilidades das tarefas que desenvolven, xa que dunha correcta coordinación ou mobilización dos recursos pode depender o éxito ou o fracaso de operacións nas que están en risco vidas humanas. Ademais, os traballadores deben estar localizables para incorporarse aos seus postos e efectúan quendas de noite e festivos, coa penosidade que iso supón e que non está a ser recoñecida, xa que están acollidos ao convenio das empresas de telemárketing.

Como primeira medida, o Grupo Popular solicitará que compareza no Parlamento o xerente da Axencia Galega de Emerxencias para explicar como está a xestionar os recursos humanos que dependen dese departamento. Nun primeiro momento, os traballadores do 112 solicitaron ser recibidos polo conselleiro da Presidencia para explicar a situación que atravesan, pero Méndez Romeu derivounos ao xerente da Axencia Galega de Emerxencias. Sen embargo, o xerente da Axencia négase a recibilos.

O PPdeG tamén se volverá interesar en sede parlamentaria polas deficiencias que presenta o servizo de Emerxencias 112 Galicia, que chegou a rexistrar colapsos coincidindo con episodios como incendios ou enchentes, nos que resultaba máis necesaria ca nunca a súa intervención.

No hay comentarios: