TRADÚCEME

04 junio 2008

O PPdeG presenta un paquete de 19 medidas de choque para paliar a grave crise que vive o sector pesqueiro

- Trátase dun paquete de medidas extraordinarias de choque, que o Grupo Popular ven de presentar no Parlamento, a través dunha moción, para instar a Xunta, diante da súa pasividade e inacción absoluta, a que reaccione ante a grave crise pola que atravesa o sector.

Diante desta situación, o PPdeG insta á Xunta a promover as seguintes medidas:

1.- Proceder ao pago inmediato das axudas comprometidas de minimis correspondentes aos gastos derivados do encarecemento de gasoil entre 2004 e 2005 para aquelas empresas que aínda non as percibiron.

2.- Poñer en marcha unha política de refinanciamento de pasivos.

3.- Establecer medidas extraordinarias de carácter laboral que permitan reducir custos na Seguridade Social ás empresas titulares de buques de pesca, como ás que operan en terra, directamente vinculadas coa pesca extractiva.

4.- Aplicar exoneracións ou reducións de tarifas portuarias por un período non inferior a seis meses.

5.- Aplicar de xeito inmediato o Fondo Europeo de Pesca ao Plan de axuste da flota para a sustentabilidade económica e ambiental.

6.- Negociar ante a Comisión Europea un incremento do nivel das axudas de minimis ata o limiar de 200.000 € de tal xeito que poidan servir para atender os gastos polo incremento do prezo do gasoil para os exercicios posteriores aos xa comprometidos.

7.- Publicar de xeito urxente a norma legal e o correspondente pago, sobre as axudas xa comprometidas á paralización temporal das flotas que interromperon a súa actividade durante 2007.

8.- Publicar e aprobar urxentemente novas axudas as paralizacións temporais de 2008 para tripulantes e empresas con novas condicións adaptadas ás demandas do sector.
9.- Mellorar e intensificar ao máximo o control das importacións ilegais así como os controis e as análises hixiénicas sanitarios dos produtos pesqueiros procedentes de países terceiros.

10.- Incorporar ao Segundo Rexistro de Matrícula de Buques (REBECA) á flota pesqueira que cumpra os parámetros a establecer pola administración e o sector, e de forma inmediata á flota atuneira, á de palangre de superficie e á de arrastre de altura e gran altura.

11.- Promover de forma incentivada a participación do sector pesqueiro na mellora do medio ambiente mariño.

12.- Incrementar as campañas de comercialización e alcanzar acordos de colaboración nesta materia con outras Comunidades Autónomas e co Goberno central, orientadas a conseguir un incremento no consumo de peixe.

13.- Promover mecanismos de difusión para que os prezos en primeira venda sexan coñecidos en tempo real, garantindo un sistema de fixación de prezos estable.

14.- Esixir ás diferentes administracións públicas que o consumo de peixe nos diferentes centros dependentes destas sexa nacional.

15.- Establecer mecanismos de cobertura que permitan garantir o prezo medio do combustible ata unha contorna de viabilidade, así como fixar novos mecanismos de apoio para a compra de gasóleo en mercados de futuros con respaldo oficial.

16.- Demandar da Comisión Europea novos acordos de pesca mediante a renegociación dos que se interromperon no seu día e a renovación dos que na actualidade están en vigor.

17.- Proceder á revisión dos Plans de Estudio, facendo atractivo o oficio de pescador e revisión da normativa sobre tripulacións mínimas en colaboración coas Comunidades Autónomas.

18.- Promover que os Fondos estruturais, FEDER, FEOGA Orientación e Fondo Social Europeo se apliquen, de xeito preferente en zonas dependentes da pesca.

19.- Promover a elaboración, en compañía das distintas administracións implicadas, sindicatos e organizacións pesqueiras máis representativas, un plan estratéxico da pesca para os próximos anos, que inclúa un instrumento de análise e observancia da evolución dos prezos do gasóleo, por si esta requirise da implementación de mecanismos compensatorios.

- Nin o Goberno galego, nin o Goberno central están a poñer en marcha os mecanismos necesarios en defensa dun sector, que nos últimos anos, está a sufrir unha das peores crises económicas da súa historia.

- O incremento nos prezos dos combustibles; a caída nos prezos en orixe; o impacto negativo das masivas e descontroladas importacións de peixe, ou a obsoleta regulamentación en materia de titulacións náutico-pesqueiras e de requisitos mínimos sobre tripulacións imposibilitan o normal desenvolvemento dun sector, do que dependen miles de familias galegas de xeito directo.

- Subliñar a falla de impulso e de vontade política tanto da conselleira de Pesca, Carmen Gallego, como da súa homóloga, a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, que a pesar das mobilizacións do sector continúan sen aplicar ningún tipo de medida resolutiva.

- Ninguén pode negar que a situación resulta para miles de familias que viven do sector pesqueiro inasumible e insostible.

No hay comentarios: